12 de agosto de 2026
Lugo, un lugar especial para ver a eclipse
Días
Horas
Minutos
Segundos
A sombra da Lúa chegará a Lugo o 12 de agosto de 2026
Esta animación mostra a evolución global da eclipse solar total do 12 de agosto de 2026 e axuda a entender o desprazamento da sombra da Lúa sobre a Terra. A franxa de totalidade é moi estreita: un corredor no que a Lúa tapa por completo o disco do Sol durante uns breves minutos.
Observando o mapa veremos como esa sombra entra pola fachada atlántica, cruza o norte da península de oeste a leste e pasa exactamente por enriba de Lugo, permitindo compreender por que a cidade queda dentro do traxecto da eclipse.

Horario a ter en conta
Lugo está dentro da franxa de totalidade
O 12 de agosto de 2026, a sombra da Lúa entrará pola fachada atlántica e cruzará o norte da Península Ibérica de oeste a leste. Lugo sitúase de cheo dentro da estreita franxa de totalidade, polo que poderá vivir a eclipse na súa fase máis espectacular: o Sol quedará completamente cuberto durante algo máis dun minuto.
Será xa ao final da tarde, co Sol moi baixo sobre o horizonte oeste —apenas a uns 11 graos de altura—, o que converte a muralla romana e o miradoiro do parque Rosalía de Castro en lugares privilexiados para a observación. Esa pouca altura fará o momento especialmente fotoxénico, co ceo tinguíndose de cores cálidas mentres a escuridade cae sobre a cidade.
Instantes das fases da eclipse
As manchas solares
Durante a fase parcial, antes e despois da totalidade, utilizaremos telescopios solares de luz branca equipados con filtros homologados para observar con total seguridade o disco do Sol e seguir como a Lúa o vai cubrindo pouco a pouco.
Nese disco distinguiremos as manchas solares: rexións máis escuras e algo máis frías que o resto da fotosfera, asociadas a intensos campos magnéticos. O seu número e tamaño varían ao longo do ciclo solar de once anos e son a proba visíbel de que o Sol é unha estrela viva e en constante actividade; moitas delas son varias veces maiores que a propia Terra.
A coroa solar
Durante os escasos minutos de totalidade, co disco solar completamente oculto pola Lúa, poderemos admirar a coroa solar: a atmosfera exterior do Sol, formada por gas a millóns de graos que se estende polo espazo en forma de filamentos e penachos de luz nacarada.
É un dos espectáculos máis fermosos e raros da natureza, invisíbel en calquera outro momento porque o brillo do disco solar o agocha por completo. Tamén poderán asomar as protuberancias —arcos rosados de plasma nos bordos do Sol— mentres no ceo escurecido brillan planetas e estrelas en pleno día.
Programa
Actividades e puntos de interese
Observación segura
A eclipse é espectacular, mais a seguridade visual é prioritaria
Recursos
Aprende, prepara e comparte
Observación
Constrúe o teu propio proxector estenopeico
Un proxector estenopeico permite observar a eclipse de forma indirecta e segura, proxectando a imaxe do Sol sobre unha superficie branca sen mirar nunca directamente ao astro. É o método máis sinxelo, barato e seguro para gozar do fenómeno, ideal para facer con nenas e nenos.
Abonda cun pequeno orificio nunha cartolina: a luz do Sol atravésao e forma unha imaxe invertida na superficie que coloques detrás. Canto maior sexa a distancia entre o orificio e a pantalla, máis grande —aínda que máis tenue— se verá a media lúa solar. No vídeo amosámosche, paso a paso, como construír o teu propio proxector con materiais sinxelos.
Infórmate
